'Sol de Inverno' a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais
2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o
periplo vital dunha personaxe: Inverno. Como di a súa autora, Rosa
Aneiros, é a historia desa nena,
Inverno, á que lle roubaron a infancia, ese paraíso de Antes, e como ao longo
de toda a súa vida pelexa por retornar e recuperar ese lugar amado da infancia.
É unha obra de gran envergadura , fai un percorrido polas
diferentes etapas as que se viron abocadas moitas familias entre elas a de
Inverno no exilio tras ter que deixar as súas aldeas natais, neste caso pola
condición do seu pai, alcalde da aldea e médico de ideoloxía republicana. A
historia comeza cun acontecemento tráxico xusto antes do estoupido da Guerra
Civil, a morte do primeiro amor, Fiz, isto marcaraa para sempre. Logo comeza o
periplo do exilio a Barcelona, ás
difíciles circunstancias da fuxida a
Francia e as duras condicións nas que viven xunto co sufrimento que
supón para centos de españois ser tratados como verdadeiros prisioneiros no
"país da liberdade"; a travesía no emblemático barco Ipanema; que as
leva o longo exilio cubano; falaranos logo da revolución castrista; e mesmo da
viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración
e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do
cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender
a historia dunha protagonista que turra
por volver a Antes.
Aneiros asegurou que quixo recuperar a memoria da súa propia
infancia e apuntou que Inverno é un personaxe completo que loita polos seus
ideais, pero tamén polos doutros, que sente tan próximos como os seus.
Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un
mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un
relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria
do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e
outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes
na defensa dos ideais e da xustiza.»
ROSA ANEIROS
(Valdoviño, A Coruña. 1976). É xornalista e traballa no Consello da Cultura
Galega en Santiago e colabora en distintos medios de comunicación impresos e
dixitais. Comezou a escribir moi nova; en 1999 publicou súa primeira obra, “Eu
de maior quero ser”. Seguíronlle “Corazóns amolecidos en salitre” (2002) e
“Resistencia” (2003). Malia que a súa traxectoria literaria é curta no tempo,
Rosa Aneiros ten recibido os principais premios da nosa literatura, culminando
esta carreira de honras no ano 2009 cando se converte na única escritora que
conseguiu na mesma edición o Premio Xerais de novela e o Premio Fundación Caixa
Galicia de Literatura Xuvenil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario